TORCS: The open racing Car Simulator
Published maio 21st, 2006 in Software Libre, Xogos
TORCS é un simulador de carreiras de código aberto. Ó ser un simulador non te esperes poder dar unha curva a 20 km/h de máis sen que o coche che de un susto.
TORCS ten varios puntos fortes:
- Adictividade
- Gráficos moi bos con coches auténticos moi conseguidos
- Boa xogabilidade (unha vez te acostumas ás características do coche)
- Configurabilidade total do coche: podes pintalo como queiras, podes modificar decenas de parámetros (ángulo do alerón, altura do coche, etc)
Para vos convencer, nada mellor que un vídeo (de hai algún tempo):
Coches
Cada coche é totalmente distinto ó resto: uns corren máis, outros agarran mellor, uns consumen menos, outros son máis bonitos...
Os coches agrúpanse en 3 categorías:
- Históricos: Coches importantes hai varias décadas. Tenden a ser difíciles de conducir porque se van nas curvas, en todas elas, non só nas pechadas. O mellor dos coches históricos é o Ferrari 330 P4: moita máis velocidade que o resto e mellor conducción.
- Deportivos: Velocidades máximas e facilidade de conducción. Resulta curioso, pero os coches máis rápidos son os máis fáciles de conducir. O mellor coche entre os deportivos é o Porsche GT1: velocidade máxima e sensación de velocidade.
- WRC: Coches de rallies. Con estes coches tes que estar freando seguido, se empezaches a conducir cos deportivos é dificil adaptarte: curvas que antes vías fáciles agora ves que tes que frear. Nesta categoría non hai un coche que sexa o mellor con diferenza. Se che gusta conducir con tranquilidade e levando o coche polo seu sitio a túa elección debe ser o Mitsubishi Lancer EVO V WRC; se pola contra o que queres son derrapadas e potencia a túa elección debe ser o Peugeot 206 WRC.
- Outros: Formula 1, escarabello, etc.
Circuítos
Hai 3 tipos de circuítos:
- Asfaltados: Circuítos de competición onde se poden alcanzar grandes velocidades.
- Terra: Circuítos lentos, revirados e con baches.
- Ovalados: Circuítos de velocidade pura, a maior parte do tempo estás acelerando menos nas 3-4 curvas que soen ter.
Modos de xogo
Hai 5 modos de xogo:
- Práctica: Ideal para probar coches e circuítos. Corre un único coche. Elixes circuíto, coche e as voltas que queres dar.
- Carreira rápida: Igual que a práctica pero podendo correr varios coches á vez. Escolles as posicións de saída.
- Carreira de non campionato: Primeiro fanse 3 voltas onde o mellor tempo decide a túa posición de saída. Logo, fanse 2 roldas: a primeira e unha carreira normal, pero na segunda só corren os 8 primeiros da primeira carreira pero coas posicións invertidas (o primeiro sae oitavo).
- Carreira de resistenza: 3 voltas para decidila posición de saída e logo voltas e máis voltas, varias horas correndo. Neste modo fai falla facer varias paradas en boxes para poder rematar.
- Carreira DTM: Compiten varios coches, pero correndo dun en un para ver quen fai mellor de volta.
- Campionato: Varias carreiras tipo "Carreira de non campionato". Vanse gañando puntos por cada carreira segundo a posición en cada unha das roldas.
A primeira vez que xogues non esquezas premer F1 nada máis entrar. Nesta axuda ves cómo cambiar a cámara, e os elementos da interface.Hai dous tipos de interfaces. Aquí só comentarei a que ven por defecto, porque a segunda é tipo arcade (tecla 0) e non ten nada que comentar.
- Tempos (esquina superior esquerda, acciónase coa tecla 1) Aquí podes mirar o tempo que levas na volta actual, o teu mellor tempo e a diferencia do mellor tempo coa volta anterior. Ademais, podes ver a diferencia que tes co anterior e seguinte coche.
- Revolucións e velocidade (parte inferior central, acciónase coa tecla 2)
- Posicións (esquina inferior esquerda, acciónase coa tecla 3) 10 primeiras posicións da carreira máis a tú se estás fora desas prazas.
- Espello retrovisor (parte surperior central, acciónase coa tecla 9)
- Trazado do circuíto (esquina superior dereita, acciónase coa tecla m) Premendo varias veces na m podes cambia-la presentación. Eu recomendo a presetnación onde se ve o circuíto de forma relativa a ti, porque así sabes como son as curvas e para onde antes de chegar a elas.
Hai moitos tipos de cámaras. Para xogar son as da tecla F2. Para facer capturas de pantalla e ver unha carreira onde non xogues F11, que é como ver unha carreira pola televisión (a maioría das capturas de pantalla están sacadas con esta cámara).
Varios xogadores
É posible xogar varios xogadores á vez na mesma máquina. Para isto hai que crear varios xogadores, configurarlle os controis (que non coincidan) e meter ós dous xogadores na carreira. A pantalla dividirase entre os xogadores. É recomendable xogar dende fora do coche, porque dende dentro vese todo distorsionado.
Polo de agora non é posible xogar en rede, pero todo se andará, de seguro.
Versión 1.2.4
Licenza GPL
Capturas de pantalla

Coches históricos nun circuíto asfaltado
chúzame -










1 Response to “TORCS: The open racing Car Simulator”
Please Wait
Leave a Reply