Archive for abril 5th, 2007
Unha anotación do blogue de BadVista deume unha idea para un pequeno xogo. A ver quen é capaz de atopa-las diferenzas entre o software libre e o software privativo. Para tal fin escóllese unha licenza distintiva e ilustrativa de cada tipo.
O preámbulo da GPL di:
As licenzas para a maioría do software e outros traballos prácticos están deseñadas para quita-la liberdade de compartir e cambia-los traballos. En contraste, a GNU General Public License intenta garanti-la túa liberdade para compartir e cambia-lo software libre --para asegurarse de que o software é libre para tódolos seus usuarios.
A licenza de software típica de Microsoft Vista di:
O software é licenciado, non vendido. Este acordo só che dá algúns dereitos para usa-lo software. Microsoft resérvase tódolos outros dereitos. A non ser que a lei aplicable che de máis dereitos a pesares desta limitación, ti podes usa-lo software só como estexa expresamente permitido por este acordo. Ó facer isto, debes conformarte con calquera limitación técnica no software que só che permita usalo de determinadas maneiras.
Veña, se é moi sinxelo... Xa non me deixan dar pistas, pero de verdade que é moi sinxelo. Tan só quedan 5 minutos e as liñas están abertas. Collemos tódalas chamadas!
chúzame -
O 28 de marzo publicouse o terceiro esbozo da GPLv3. Este novo esbozo fíxose esperar debido a que preto das datas previstas para a súa publicación se formalizou o acordo entre Novell e Microsoft. Dende a saída deste terceiro esbozo abriuse un prazo de 60 días para discutilo e facer cambios. Acabado este prazo sairá o esbozo definitivo. Dende a saída dese esbozo abrirase un novo prazo de 30 días antes da publicación da versión definitiva da GPLv3. Así pois, está previsto que en aproximadamente tres meses, é dicir, a finais de xuño, saia a GPLv3.
A maior parte dos cambios entre o segundo e o terceiro esbozo son cambios de forma pero non de significado. Só houbo dous cambios significativos. Un estaba previsto e refírese ó acordo entre Novell e Microsoft. O outro pilloume de sorpresa e refírese á compatibilidade coa Affero GPL.
chúzame - 


