A miña primeira vez

Si, parece que só pasou un instante, pero levo rodeado de software libre dende hai… nove anos. Dende o momento en que me explicaron de que ía o software libre non me puiden resistir ós seus encantos. Como resistirse á idea de expandi-la liberdade da xente? Unha vez que descubres a liberdade que da o software libre, queres que os demais tamén disfruten dela. Dende ese primeiro momento intentei difundir, aínda que humildemente, os seus valores e as súas avantaxes ós que me rodeaban.

Empecei coma usuario. Disfrutaba dunha grande cantidade de software que podía empregar sen remordementos morais. Para case que cada necesidade tiña varias ferramentas á miña disposición. Ahí é onde se ve o liberalismo radical do mercado do software libre: cando non hai ningún custe ó cambiar de ferramenta, só empregas o mellor. O bonito do software libre é que a definición de custe é de mellor na frase anterior é totalmente subxectiva.

Sempre me interesou a programación, dende pequeno. Algunha vez tiven a curiosidade de querer saber como facía tal aplicación para facer tal outra cousa. Nunca tiven problemas para o descubrir; só tiña que baixarme as fontes da tal aplicación, buscar onde se implementaba tal outra cousa e estudia-lo código. Esta é unha avantaxe para un programador, pero o único que fai que non sexas programador é o tamaño da túa curiosidade. Co software libre é sinxelo aprender a programar: tes cantidades industriais de exemplos á túa disposición en forma de código de uso real (cos libros apréndese a sintaxe dunha linguaxe, co código dos expertos aprender a programar).

Chegou un momento en que quixen ser parte activa do software libre, dar os meus primeiros pasos como desenvolvedor de software libre. Fun ó sinxelo, ou iso pensaba eu inocentemente naquel momento. Primeiro foi DMN Modular Netgame, un nome pomposo para o que pretendía ser un programa de dominó. Demostrouse que non era motifación suficiente tentar facer algo en grupo (fracaso case total) e practicar para proxectos máis grandes. Pasou o tempo e un día o meu pai achegoume o xornal Marca e díxome que non sería capaz de resolver o sudoku en determinado tempo. Así chegou Python Sudoku, un programa para crear e resolver sudokus (en vez de pensar en resolver o sudoku pensei en como programaría un programa para resolve-los, deformación profesional). Durante un ano a motivación foi tentar crear sudokus que non dera resolto o meu pai, o cal acabou sucedendo co que o proxecto quedou en segundo plano. Python Sudoku significou un grande éxito para min: máis de 12000 descargas ata agora do programa (unha media de 15 descargas diarias) e varias persoas interesadas no programa aportando parches para o código. Agora tenme absorto Simple World, un proxecto polo que quixen ser programador: crear un mundo virtual. Dende logo, Simple World é o proxecto máis grande no que me metín nunca. Grazas a el estou tendo que me documentar coma nunca e tamén estou tendo que buscar como se implementa determinada funcionalidade en bibliotecas básicas para o sistema operativo.

Coma se fose un propósito de aninovo, dos poucos que se acaban cumprindo, este ano fixen algo que nunca fixera: colaborar en proxectos de software libre (proxectos que inclúen funcionalidade que precisarei para Simple World) con pequenos parches. Para XySSL, unha biblioteca criptográfica, enviei un pequeno parche para facer que o código se poidese compilar cun compilador de C++ (g++, dende logo) e correxín un pequeno buffer overflow. Para SQLite3x, un wrapper de SQLite3 para C++, aportei varios parches, algún deles engadindo algunha pequena funcionalidade.

Grazas ás aportacións que fixen a SQLite3x o seu principal desenvolvedor ofreceume ter acceso ó seu CVS para que poidera face-los cambios directamente, sen ter que enviar os parches á lista de correo. Con isto, dou por rematado rematando o meu pequeno círculo do software libre: empezar de usuario para acabar como desenvolvedor dun proxecto non empezado por min. Rematar este círculo poida que non sexa unha meta importante en xeral, pero si que o é para min. O raro é que non me decatara da importanza deste círculo hasta este día 🙂


2 Responses to “A miña primeira vez”

  1. 1 Dan

    DMN aínda pode levantalo vó… paciencia…

  2. 2 Xosé Otero

    Se nada cambia, este verán teño pensado adicarlle un mes e converti-lo a python.


Categories

Calendario

Febreiro 2007
M T W T F S S
« Xan   Mar »
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728  
3K2 theme by Hakan Aydin