gnuO 28 de marzo publicouse o terceiro esbozo da GPLv3. Este novo esbozo fíxose esperar debido a que preto das datas previstas para a súa publicación se formalizou o acordo entre Novell e Microsoft. Dende a saída deste terceiro esbozo abriuse un prazo de 60 días para discutilo e facer cambios. Acabado este prazo sairá o esbozo definitivo. Dende a saída dese esbozo abrirase un novo prazo de 30 días antes da publicación da versión definitiva da GPLv3. Así pois, está previsto que en aproximadamente tres meses, é dicir, a finais de xuño, saia a GPLv3.

A maior parte dos cambios entre o segundo e o terceiro esbozo son cambios de forma pero non de significado. Só houbo dous cambios significativos. Un estaba previsto e refírese ó acordo entre Novell e Microsoft. O outro pilloume de sorpresa e refírese á compatibilidade coa Affero GPL.

Acordo Novell-Microsoft

O acordo entre Novell e Microsoft espuxo un problema que aínda non se plantexara na redacción dos dous primeiros drafts da GPLv3. Este acordo libera ós clientes de Novell dunha posible acusación por parte de Microsoft por empregar software libre afectado por patentes pertencentes á segunda. Este acordo só afecta ós usuarios de Novell, polo que calquera outro usuario de software libre non se ve beneficiado deste acordo.

O terceiro esbozo da GPLv3 evita este tipo de acordos de dúas formas:

  1. Se un distribuidor ofrece un acordo de proteción ante patentes ós seus clientes, esa proteción esténdese automaticamente a tódolos que obteñan ese software, sen importar como o obteñan.
  2. Non está permitido distribuír software baixo a GPLv3 se o distribuidor realiza un acordo coma o de Microsoft e Novell.

A segunda medida estará, posiblemente, limitada a acordos posteriores á data de saída deste esbozo da licenza.

Affero General Public License

A Affero GPL é unha licenza baseada na GPLv2. Esta licenza engade a obrigatorieade de facilita-lo código  fonte ós usuarios de software baixo esta licenza que o empreguen a través dun servidor. Un exemplo de software baixo esta licenza é menéame.

A idea era que a GPLv3 fose compatible coa Affero GPL e que a acabase substituíndo. Así era nos dous primeiros esbozos da GPLv3, que permitían engadir esta condición extra da Affero GPL ó software baixo a GPLv3. Mais, no terceiro esbozo da GPLv3 elmininouse a posibilidade de engadir esta condición e engadiuse unha nova sección na que se di que código baixo a GPLv3 e baixo a Affero GPL poderán ser misturados. Así pois, a Affero GPL seguirá existindo pero cunha nova sección similar.

Como comentaba nunha anotación recente, eu non vexo unha diferenza radical entre usar un programa na propia máquina e executar unha aplicación web remotamente. Nos dous casos hai un usuario e un software. Nos dous casos o usuario emprega ese software. Tan só vexo unha capa de abstracción. Xa sei, a diferenza está en que no segundo caso non se fai unha distribución do software, pero hai uso. En definitiva, onde vai a liberdade 1 do software libre?

Liberdade 1: A liberdade de estudiar e modifica-lo programa.

En que se beneficia o usuario remoto de que a aplicación remota sexa software libre?

A GPLv2 foi publicada en 1991. Daquela non se tratou este tema porque a web tan só se creara un ano antes e ata anos máis tarde non conseguiu a súa masifcación. Pero, decepcióname que non se intente arranxar este tema na GPLv3. Con todo, sego mantendo que a GPLv3 é máis software libre ca nunca!


1 Response to “Novidades do terceiro esbozo da GPLv3”

  1. 1 Mitos sobre a GPL at Cousas de xentiña

Categories

Calendario

Abril 2007
M T W T F S S
« Mar   Mai »
 1
2345678
9101112131415
16171819202122
23242526272829
30  
3K2 theme by Hakan Aydin