Esta anotación é o que debería ter sido a anotación mitos sobre a GPL. A anotación anterior resultou ter un título, ou contido, incorrecto. Naquela anotación intentaba comenta-los mitos sobre a licenza GPL, pero en realidade a maioría eran mitos aplicables ó software libre en xeral, non só sobre a GPL. Ademais, nos comentarios sairon un par de mitos non relacionados coa GPL pero si co software libre.

Os mitos, por tanto falsedades, máis difundidos sobre o software libre son:

  • O software libre é de balde.
  • O software libre non xenera negocio.
  • O software libre pretende derrotar a Microsoft.
  • No momento en que modificas software GPL, tes que publica-los cambios.
  • O software libre é de menor calidade que o software privativo.
  • O software libre é inseguro.
  • O software libre é difícil de usar.
  • Os desenvolvedores de software libre son uns freaks/geeks.
  • O software libre non ten soporte técnico.
  • A licenza BSD é máis libre que a GPL.

A continuación intentarei rebatir estes mitos.

O software libre é de balde

Este mito ven do termo en inglés free software, lingua na que free ten o significado de libre pero tamén o de gratuito. Aínda así, como a maioría do software libre é de balde, tamén se adoptou noutros sitios.

Un dos sectores máis beneficiados polo software libre son as pequenas empresas dedicadas ó desenvolvemento de software. Grazas ó software libre estas empresas poden coller un producto que sexa software libre e adaptalo ás necesiades particulares dos seus clientes. Evidentemente, estas empresas non traballan de balde. Logo, o cliente (ou a empresa desenvolvedora) pode decidir que facer co producto resultante: liberalo á comunidade ou non.

Calquera software ten un custe, cando menos as horas de desenvolvemento. Se existe software libre accesible gratuítamente é porque os seus desenvolvedores “cobraron” doutra forma. Cada desenvolvedor de software libre é un mundo, como múltiples son as razóns polas que desenvolver software libre.

O software libre non xenera negocio

Hai catro posibles formas de negocios ó redor do software:

  1. Venta do software.
  2. Adaptación do software a un usuario particular.
  3. Soporte técnico.
  4. Educación sobre o uso.

Co software privativo o único que pode explota-las dúas primeiras formas de negocio, as tres primeiras se entendemos por soporte técnico o arranxo de erros, é o propio creador do software. Por tanto, centralízanse as gañanzas.

Co software libre calquera se pode beneficiar de tódalas formas de negocio. Por tanto, descentralízanse as gañanzas.

Deixando o razoamento anterior á marxe, é evidente que se pode facer negocio co software libre. Se non se puidera facer negocio, por que estarían interesadas tantas empresas importantes no seu desenvolvemento?

O software libre pretende derrotar a Microsoft

O nacemento do software libre nada ten que ver con Microsoft. O software libre naceu en 1983/1984. Naqueles tempos estábanse empezando a comercializa-los primeiros PC de IBM con software de Microsoft. Os malos eran os de IBM e os de Microsoft só eran uns tímidos compañeiros de viaxe.

Nos principios do movimento do software libre non está o atacar a ninguén. Ó contrario, preténdese beneficiar a todos. A forma de nos beneficiar todos é usando/desenvolvendo/promovendo software libre no lugar do software privativo.

No momento en que modificas software GPL, tes que publica-los cambios

O código baixo a GPL non sempre ten que ser feito público. A GPL permítenos modificar software libre para uso privado sen ter ningunha obriga. Só no momento de distribui-lo software a un terceiro é cando se está obrigado a ofrece-lo código fonte.

Segundo a GPL non se considera distribución a que un software sexa usado vía web. É dicir, só hai distribución cando se está a usar algo que o usuario ten na súa propia máquina. Houbo un intento para que a GPLv3 tivese unha cláusula pola que se considerase distribución o uso dun software aínda que non o usuario non o tivese instalado na súa máquina. Pero, como comentei nunha anotación anterior sobre o terceiro esbozo da GPLv3, a GPLv3 final non terá esta cláusula.

O software libre é de menor calidade que o software privativo

Que o código fonte estexa dispoñible facilita que se poidan atopar e correxir erros. Ademais, ó redor do software libre créanse comunidades moi activas que desenvolven e propoñen nova funcionalidade continuamente.

Exemplos de software libre de calidade son: Apache, Firefox, KDE, Linux, OpenOffice.org, Python, etc.

O software libre é inseguro

Hai xente que pensa que, ó poder acceder calquera ó código fonte, este tipo de software é moi propenso ós ataques. En realidade, comprobouse que a realidade é xustamente ó revés: grazas a que o código está accesible, máis xente colabora en amaña-los erros.

Unha proba de que o software libre non é inseguro é que varios exércitos, entre eles os dos Estados Unidos, son usuarios de software libre e están moi satisfeitos.

O software libre é difícil de usar

A dificultade de uso dun software é independente do método de desenvolvemento do mesmo. Os factores que determinan a facilidade ou dificultade de uso son o número de usuarios e o tipo de usuario para o que está pensado.
Moito software libre de medio ou grande tamaño ten un grupo de desenvolvedores e usuarios que se encargan de mellora-la usabilidade do software para adaptalo ás súas necesidades. En realidade, calquera cos coñecementos necesarios pode mellora-lo.

Os desenvolvedores de software libre son uns freaks/geeks

Calquera con coñecementos de programación pode desenvolver software libre. Por tanto, hai freaks/geeks pero tamén hai moitas empresas grandes desenvolvendo software libre.

Exemplos de grandes compañías que desenvolven software libre son: Google, IBM, Novell, Redhat, Sun Microsystems, etc.

O software libre non ten soporte técnico

Este mito ven de que no software libre acostúmase a desenvolver dun xeito descentralizado, é dicir, sen unha empresa que o controle todo. Deste xeito, calquera ten acceso ó código fonte e pode contribuír, non só os creadores orixinais do código. Por tanto, calquera desenvolvedor podería dar soporte técnico.

A licenza BSD é máis libre que a GPL

Este punto está será o máis problemático de todos, pero, nada mellor que crear polémica entre a propia comunidade do software libre para acaba-la anotación.

Os que afirman que a licenza BSD é máis libre que a GPL refírense a que a primeira pon menos restriccións que a segunda. Isto é certo, non hai máis que compara-la extensión das licenzas: a BSD ocupa varias liñas, mentres que a GPL ocupa varios folios.

Dicir que unha licenza é máis libre que outra polas restriccións que establecen é relativo. As restriccións da GPL establécense para se asegurar que o software sempre sexa libre, mentres que a BSD dalle a liberdade ós desenvolvedores de engadir software baixo esta licenza en productos privativos. Por tanto, é normal que os que fagan esta afirmación sexan desenvolvedores e non usuarios.

Por poñer un símil, afirmar que a GPL é menos libre que a BSD é como afirmar que hai máis liberdade na anarquía que na democracia.

A licenza BSD permite que se cambie de licenza o código

Só o autor (ou aquel a quen lle cedese os dereitos) pode cambia-la licenza do código. O que ocorre é que a BSD permite que se fagan distribucións binarias do código orixinal ou modificado sen facilita-lo código fonte. Isto da a impresión de que a licenza BSD permite o cambio de licenza, pero é falso. Na propia licenza se di que calquera distribución en forma de código fonte ou executable ten que incorporar a licenza BSD.

Actualización 27/6/2007: O suposto mito “A licenza BSD permite que se cambie de licenza o código” estaba na versión orixinal da anotación. Por sorte para min, Dr Zippie fíxome decatarme do meu erro. En resumo, a licenza BSD permite o cambio de licenza do código e só obriga a engadir a nota do copyright do autor do código orixinal.


7 Responses to “Mitos sobre o software libre”

  1. 1 Dr Zippie

    Como xa comentei noutra entrada, o punto “A licenza BSD permite que se cambie de licenza o código”, no é un mito, e unha realidade. Só hai que ver a licencia BSD (no caso de que se teñan dúbidas, sonche poucas liñas).

    E sobre “A licenza BSD é máis libre que a GPL”, e sempre segundo se mire. Pero ante a duda non é menos libre, e tamén sin dúbidas é menos restrictiva.

  2. 2 Dan

    Bo post de “verdades universais” sobre o software libre complementando ó anterior.

  3. 3 Xosé Otero

    Ola, Dr Zippie.

    O único código fonte que permite ser relicenciado por calquera é o que está baixo o “dominio público”. Ese código caracterízase por non ter autor, por tanto, non ten copyright. En España e en parte de Europa penso que non se permite liberar un traballo baixo o dominio público, posto que o copyright é algo automático.

    Mira as dúas primeiras condicións da licenza BSD:
    1. Redistributions of source code must retain the above copyright
    notice, this list of conditions and the following disclaimer.
    2. Redistributions in binary form must reproduce the above copyright
    notice, this list of conditions and the following disclaimer in the
    documentation and/or other materials provided with the distribution.
    Por tanto, o código con licenza BSD sempre terás licenza BSD, non se lle pode cambiar.

    Un exemplo: se temos un proxecto GPL e engadimos un ficheiro baixo a BSD, ese ficheiro terá a licenza BSD. E non teremos dereito a cambiarlle a licenza baixo ningunha circunstancia. Tan só poderemos pór a licenza que queiramos ás modificacións.

  4. 4 Dr Zippie

    Sobre o teu exemplo, si tes un proxecto GPL e se lle engade un ficheiro BSD este pasaría a ser GPL:

    1) Por que se pode relicenciar directamente o BSD (que explicarei de novo).
    2) Por que a GPL é viral, todo o que toca pasa a ser GPL.

    Coido que hai un pouco de confusión no tema das licencias:

    Na seguinte ligazón tes información e unha comparativa de GPL fronte a BSD que non é un FUD.

    http://www.eldemonio.org/documentos/26060513220.html

    No caso dos BSD non é relevante o autor orixinal á hora de facer co codigo o que queiras, só tes a obriga de informar que está baseado nun traballo de ese autor, pero nada mais.

  5. 5 Dr Zippie

    Engadido: Estos comentarios veñen simplemente porque o de o mito “A licenza BSD permite que se cambie de licenza o código”, lonxe de ser un mito é o resumo do que é a licencia BSD. Esta licencia é a que emprego nos meus desenrolos dende sempre.

    Un saudiño dende Sevilla.

  6. 6 Xosé Otero

    Isto merécese un “Xosé BUSTED!” 😀

    Tes razón Dr Zippie. Grazas por tére-la pacienza de me facer caer do burro 🙂

  7. 7 Dan

    E falando la GPL; a Free Software Foundation acaba de anunciar, de maneira oficial, a terceira versión definitiva da Licencia Pública Xeral (GNU/GPL).

    http://lists.gnu.org/archive/html/info-member/2007-06/msg00000.html


Categories

Calendario

Xuño 2007
M T W T F S S
« Mai   Xul »
 123
45678910
11121314151617
18192021222324
252627282930  
3K2 theme by Hakan Aydin