Glest

glestGlest é un xogo de estratexia en tempo real en 3 dimensións creado por galegos.

Glest ten varios puntos fortes:

  1. Excelente calidade visual dos mapas, edificios e unidades.
  2. A xogabilidade: nuns minutos xa te das defendido, nunha partida xa aprendes as evolucións das unidades e a utilidade de cada edificio.

Faccións
En glest hai dúas faccións:

  • Tecnolóxicos: Teñen traballadores para coller ouro, madeira e construír edificios, soldados para face-la guerra e arquitectos para construír máquinas de guerra.
  • Máxicos: Teñen magos para coller ouro, madeira e construír edificios, magos e demos para face-la guerra e archimagos para invocar demos máis poderosos.

Os tecnolóxicos son os máis típicos nos xogos deste tipo.

O xogo
O xogo consiste en obter a maior cantidade de recursos naturais posibles: ouro, madeira e pedra para facer un exército o máis forte posible. É imprescindible conseguir un bo balance entre o número de recolectores e de unidades militares, de nada server crear unha grande cantidade de recolectores facendo o seu traballo para que 5 minutos despois de empeza-la partida un exército inimigo nos ataque e nos anhiquile cunha cantidade de recursos naturais inmensa sen empregar.

Cada facción é totalmente distinta á outra, tanto no xeito de recolectar recursos como no xeito de crear unidades militares.

A facción tecnolóxica funciona como noutros xogos clásicos deste tipo, pero con algúns toques propios:

  1. Hai que alimentar á tropa con comida. Nas cortes pódense crear vacas e porcos para tal cometido.
  2. Os traballadores recollen os recursos naturais.
  3. Nos barracóns créanse soldados: soldados, arqueiros ou cabaleiros.
  4. Os arquitectos crean máquinas militares, tanto ofensivas coma defensivas: catapultas, robots e máquinas voadoras.

A facción máxica é totalmente distinta:

  1. Para alimentar ás unidades créanse pozos máxicos.
  2. Os magos recollen os recursos naturais, pero empregando a maxia non as mans.
  3. Empezan cun monstro de pedra enorme moi duro pero con pouca movilidade, moi útil para a defensa da vila.
  4. As magas despois dun conxuro crean un demo como unidade militar e tamén se poden convertir nunha especie de lagartos.
  5. Os archimagos poden crear demos máis poderosos.

Un punto importante é que se a cantidade de alimento/maxia é menor da necesaria, pouco a pouco tódalas unidades irán perdendo algo de vida ata morrer.

Ó principio non se poden crear tódalas unidades, hai que ir construíndo edificios e desenvolver certas habilidades.

O gañador é o que deixa ó inimigo ou inimigos sen ningunha unidade, tanto militar coma de recolección.

Os mapas
Hai unha grande cantidade de mapas para dende 2 ata 4 xogadores. Ó selecciona-lo mapa podemos seleccionar o número de xogadores, as súas faccións e as alianzas e se o terreo será forestal ou nevado.

Varios xogadores
Polo de agora só se pode xogar 1 persoa con ata 3 xogadores controlados pola máquina. A posibilidade de xogar varias persoas tense pensado implementar en futuras versións.

Interface
Glest ten unha interface moi intuitiva e clara:

  • Mapa (esquina superior esquerda). Aquí vese a parte do mapa que se explorou, as unidades tanto nosas como inimigas e as unidades atacadas (en branco).
  • Información sobre comida, ouro, madeira e pedra (parte superior central).
  • Estado/Ordes sobre a unidade/edificio seleccionado (parte dereita).

Descarga
Antes de compila-lo código hai que modificar algo o código. Por sorte, Loki Installers for Linux Gamers ten un instalador de glest. Para instala-lo só o hai que baixar, darlle ó ficheiro persimos de execución, executalo e indicarlle onde instalalo.

Versión 2.0.0
Licenza GPL

Capturas de pantalla

glest-0
Traballadores construíndo

glest-1
Traballadores collendo ouro

glest-2
Corte con vacas e porcos

glest-3
Traballadores collendo madeira

glest-4
Exército

glest-5 glest-6
Exército atacando


Categories

Calendario

Xuño 2006
M T W T F S S
« Mai   Xul »
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
2627282930  
3K2 theme by Hakan Aydin